O trío Panosedán actúa este sábado na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
Pilocha, Lis Latas e Pablo Gómez presentarán o seu traballo 'Rosas e cravos'
panosedan
11 Dec 2025

O trío Panosedán, conformado por Pilocha (voz), Lis Latas (voz e guitarra) e Pablo Gómez (acordeón), estarán este sábado, 13 de decembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para presentar o seu traballo musical Rosas e cravos.

Cunha proposta onde se combina tradición, emoción e novas sonoridades, as voces de Pilocha e Lis interpretarán pezas do noso rico patrimonio popular galego-portugués, así como poemas musicalizados, moi populares, da nosa literatura como Romance de don Gaiferos; Quen puidera namorala; Menina estás à janela; Adiós ríos, adiós fontes; O alecrín; Dá-me uma gotinha de água; Lela; Señora do Almortão; Unha noite na eira do trigo; e O sacristán de Coimbra.

Os asistentes ao concerto terán a oportunidade de escoitar unha das pioneiras da música galega, Pilocha, de longa traxectoria profesional desde a gravación do seu primeiro disco en 1978, do que aínda permanece no recordo unha das pezas que interpretará este sábado, O sacristán de Coimbra. Tamén ten colaborado en moitas ocasións co grupo Milladoiro, tanto en concertos como en gravacións.

Para asistir ao concerto é necesario reservar billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

⚙ Configurar cookies
0.082433938980103