O TSX declara nulo o despido dun traballador do GES de Guitiriz
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ratificar a nulidade do despido dun traballador do GES do Concello de Guitiriz en outubro de 2017, ao desestimar o recurso de suplicación interposto polo Concello perante a sentenza de nulidade emitida no seu día polo Xulgado do Social nº1 de Lugo, tal e como anunciou a CIG.
Segundo indica o sindicato, "a resolución emitida polos maxistrados do TSXG vén a confirmar que o despido deste traballador estivo inequívocamente motivado polas denuncias que este presentara diante da inspección de traballo e diante do Xulgado do Social por reclamacións en relación á seguridade e Saúde no traballo e ao dereito á formación profesional".
"Como temos denunciado en innumerableis ocasións, este despido foi un despido represivo e antisindical impropio dun goberno e dunha alcaldesa representantes dun partido político que se define obreiro e socialista", engade.
"Esta nova resolución ven a confirmar a irresponsabilidade da alcaldesa de Guitiriz na súa política de persoal, toda vez que este despido vaille ter un custe de arredor de 20000€, entre salarios de tramitación, máis os salarios que o traballador xa está a percibir actualmente, desde que saiu a sentenza do Xulgado Nº 1, no mes de abril, pero que por capricho da alcaldesa está eximido de acudir ao seu posto de traballo. É decir, que a señora Regina Polín ten a un traballador cobrando o salario na súa casa á vez que ten un servizo de emerxencias sen o persoal necesario. Todo esto, a costa dos cartos de todos e todas as veciñas de Guitiriz. Desde a CIG preguntámonos se tería tido a actitude soberbia se tivera que facer fronte ela aos gastos ocasionados polo seu capricho. Dubidamos moito que así fora", conclúen.