O TSXG acorda a suspensión cautelar do proxecto de explotación da mina de Muras
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou acoller a pretensión da asociación Petón do Lobo de suspender de forma inmediata e incondicionada a execución da resolución da Xunta, do 19 de decembro de 2022, na que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da sección C da mina situada no termo municipal de Muras (Lugo).
A asociación presentou un incidente cautelar na forma ordinaria para solicitar a suspensión, no que incorporou, segundo consta no auto, mapas sobre as zonas protexidas que se localizan a unha curta distancia da explotación da concesión mineira de feldespatos. Ademais, o tribunal salienta que o defensor autonómico “achegou ao seu escrito de oposición, no que admite que aínda que o lugar onde se localiza o proxecto de ampliación da mina que se autorizou non figura dentro de espazos protexidos, a área de actuación das obras si que está moi próxima ao espazo protexido Serra do Xistral, da reserva da biosfera Terras do Miño, así como dun humidal, ao que engade que existen especies ameazadas de flora e fauna”.
“Non se pode pasar por alto que, tras admitir este informe a proximidade da explotación mineira con espazos ecosistémicos sensibles, terminou por concluír que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos”, indica a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo no auto, no que lembra que “os principios de cautela, prevención e precaución son propios do Dereito da Unión Europea, de modo que, ante a mera posibilidade de que se produza un dano irreparable ou de moi difícil ou incerta reparación -aínda adoptando medidas correctoras sobre as zonas protexidas-, debe prevalecer a suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco, ao ser prevalecente o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora da explotación mineira en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito”. Por iso, acordou impoñer a suspensión cautelar interesada. Contra o auto cabe interpoñer recurso.