O TSXG confirma a inhabilitación do ex alcalde de Muras por contratos irregulares

TerraChaXa
O TSXG confirma a inhabilitación do exalcalde de Muras durante nove anos e medio por contratar irregularmente a empregados municipais
Issam Alnagm Azzam
23 Xuño 2023

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a inhabilitación do exalcade de Muras durante nove anos e medio para todo cargo público con facultades de contratación por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa. Do mesmo xeito que na sentenza de primeira instancia, o alto tribunal galego considera probado que entre 2012 e 2015 o acusado, na súa condición de rexedor municipal, subscribiu con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal, “prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública”. Ademais, coincide en que se acreditou que o procedemento era inexistente, “sen publicidade das bases e convocatoria”, e que a contratación era realizada “por el mesmo, segundo o seu libérrimo criterio”.

Os maxistrados, con todo, estimaron en parte o recurso presentado polo condenado, en concreto, no sentido de eximilo da responsabilidade civil, pois consideran que é contrario a Dereito que se faga recaer no acusado a responsabilidade da indemnización que lle corresponde a unha traballadora por fin de contrato ou da relación laboral que mantivo co Concello de Muras desde o 12 de xaneiro de 2006 ao 31 de decembro de 2015.

0.13482689857483