O TSXG dá a razón a Down Galicia e considera discriminatorias as axudas para libros de texto da Xunta

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O TSXG respalda á Federación tras dez anos, considerando que a orde infrinxe a Constitución Española e vulnera o dereito fundamental á educación inclusiva
Delmiro Prieto González, presidente de Down Galicia
4 Jul 2024

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir a sentenza correspondente ao recurso contencioso-administrativo presentado en xullo de 2023 pola Federación Down Galicia contra a Orde do 10 de maio de 2023 pola que se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Neste documento, o máximo órgano do poder xudicial en Galicia dá a razón á Federación ao considerar discriminatoria a mencionada normativa. Nas súas páxinas, a sentenza indica que é indubidable a diferenza de trato que a orde dispensa ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo escolarizado en centros ordinarios en modalidade inclusiva ou que non alcancen un determinado grao de discapacidade (65%), respecto do alumnado escolarizado en centros específicos de educación especial ou en unidades de educación especial en centros ordinarios.

Así mesmo, a sentenza recolle que “non se atopa xustificación razoable para conceder as axudas prioritariamente a quen reciba educación en centros específicos ou en unidades de educación especial de centros ordinarios”, pois vai en contra da primacía que se debe outorgar á educación inclusiva, e fai fincapé en que “se vulnera o principio de igualdade” no acceso ás axudas, ao excluír ou fixar condicións máis restritivas, baseadas na renda familiar, ao alumnado en réxime de inclusión educativa fronte ao alumnado en réxime de educación especial.
En resumo, a sentenza estima integramente o recurso presentado pola Federación Down Galicia, anulando as disposicións impugnadas e resaltando que a normativa establece unha inxustificada diferenza de trato que infrinxe o artigo 14 da Constitución Española e vulnera o dereito fundamental á educación inclusiva.

Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, considera que o pronunciamento deste ditame “implica que se poña fin á discriminación á que durante os últimos anos estiveron sometidas as familias que optaron pola escolarización dos seus fillos e fillas en escolas ordinarias”.

Presentación dun recurso ante unha normativa discriminatoria
Tras máis de dez anos de reclamacións á Xunta de Galicia, a Federación Down Galicia decidiu presentar o pasado ano un recurso contencioso-administrativo contra a mencionada orde, baseándose na clara discriminación da normativa cara o alumnado que aposta pola educación inclusiva, e que agora pon de manifesto a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O presidente de Down Galicia explica que “despois de 10 anos esperando a que a Consellería rectificase unha orde claramente discriminatoria e vendo que continuaban incumprindo a súa promesa de traballar en conxunto para modificala, non nos quedou máis remedio que acudir á vía xudicial para que a xustiza se pronunciase sobre este tema e as ordes dos próximos anos sexan xustas e igualitarias para con todo o alumnado con discapacidade”.

A reivindicación do Movemento Down en Galicia, iniciada no ano 2014, sempre se centrou na necesidade de que todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo fose tratado en igualdade de condicións, independentemente do seu grao de discapacidade ou do tipo de escolarización. É dicir, que a orde contemplase os mesmos requisitos para o alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33% independentemente do centro educativo que escolla para ser educado: ordinario ou específico.

Sen embargo, a orde de axuda de libros e material escolar da Xunta de Galicia incorpora un réxime diferenciado e específico nas axudas dos libros de texto e material escolar para, por un lado, o alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios; e, por outro, para o alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

Deste xeito, o alumnado matriculado en réxime de educación especial recibirá a contía máis alta para adquirir libros de texto (300 euros), así como para material escolar (75 euros), sen ningún tipo de requisito máis que estar matriculado nun centro de educación especial ou análogo, mentres que a contía da axuda para o alumnado con discapacidade escolarizado en educación ordinaria dependerá da renda per cápita da unidade familiar e, no caso das axudas para a adquisición de libros de texto, non alcanza en ningún momento a cantidade máxima.

O mesmo sucede con aqueles alumnos ou alumnas cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, xa que reciben a contía máis alta sen ter que cumprir ningún outro requisito.

Modificación da orde por parte da Administración

Tras a publicación desta sentenza, a Xunta de Galicia está obrigada a tomar medidas que eliminen a discriminación existente na normativa ao declararse nulos os apartados 2 e 3 do artigo 2 da mencionada orde.

Ademais, a Federación Down Galicia enviou esta mañá un escrito dirixido á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, solicitando a modificación da Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H), por estar redactada nos mesmos termos que as anteriores e, por tanto, discriminar ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo matriculado en centros ordinarios. O presidente da Federación indica que a Xunta “aínda está a tempo de corrixir a orde deste ano, publicada coa mesma anomalía”.

A educación inclusiva, opción preferente segundo a xurisprudencia española
A Federación Down Galicia celebra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa que, ademais de considerar discriminatoria a orde recorrida, pon de manifesto unha vez máis que a educación inclusiva é a opción prevalente segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo e a doutrina do Tribunal Constitucional.

Para a defensa deste recurso, Down Galicia decidiu contar con Juan Rodríguez Zapatero, experto en dereito administrativo e en cuestións xurídicas sobre discapacidade, especialmente, sobre educación inclusiva, quen considera esta sentenza “transcendente ao reforzar o dereito á educación inclusiva do alumnado con discapacidade. A Orde da Xunta de Galicia, que a sentenza anula, é discriminatoria ao favorecer sen xustificación obxectiva ao alumnado escolarizado en centros especiais, en prexuízo dos alumnos e alumnas coas mesmas necesidades educativas que se atopan en centros ordinarios ou inclusivos. Así o di e o razoa a sentenza, que é contundente ao rexeitar as xustificacións da Administración Galega”, indica o experto en dereito administrativo.

O avogado continúa dicindo que “nin o grao de discapacidade, nin a renda familiar poden servir para establecer un trato discriminatorio en contra do alumnado que se escolariza en centros ordinarios e é particularmente grave que esta diferenciación se fixese por modalidades de escolarización e á marxe do esencial para estes alumnos e alumnas, que é atender ás súas necesidades individuais e, como sinala a sentenza, ‘en función delas fíxanse as medidas de apoio e axustes razoables’.

Rodríguez Zapatero conclúe indicando que “a Xunta de Galicia debería pedir escusas por unha discriminación que se produciu desde hai varios anos, prexudicando ao alumnado con necesidades educativas especiais e debe proceder con urxencia a anular a Orde do 7 de maio de 2024, que regula as axudas escolares para o próximo curso escolar.”

0.16161012649536