O TSXG dá a razón ao Concello de Riotorto polo corte de agua a un ex edil socialista

TerraChaXa | AMariñaXa
Nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia afírmase que o corte de auga que o alcalde de Riotorto, o popular Clemente Iglesias, decretou en 2021 ao entón voceiro municipal do PSOE, José García, foi legal.
24 Xan 2024

Nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia afírmase que o corte de auga que o alcalde de Riotorto, o popular Clemente Iglesias, decretou en 2021 ao entón voceiro municipal do PSOE, José García, foi legal. Polo tanto, queda desestimado o recurso que puxo o socialista.

Segundo a setenza, José García consumía auga da traída municipal na súa propiedade situada en Espasande de Abaixo, tal e como el mesmo recoñeceu, e que o seu contador de auga non rexistrou ningún tipo de consumo durante seis anos, polo que entende que o alcalde tiña a obrigación de solucionar esa situación. Engade esta que  aínda que José García pagase o mínimo establecido pola auga, iso non implica que esa situación fose correcta e subliña que é necesario pagar o consumo que se realice.

Estes feitos xeraron unha gran polémica no seu momento xa que o socialista fixo pública a situación acusando ao alcalde de tomar unha medida "caciquil, déspota e incoherente”. Pola súa banda, o alcalde, Clemente Iglesias, sempre defendeu que non había ningún tipo de lectura que avalase as afirmacións de García acerca de que sempre abonara o seu consumo de auga.

A situación prolongouse coa queixa por ter que colocar o contador para a súa lectura nas proximidades do camiño de acceso á súa propiedade para facilitar a súa lectura por parte do persoal municipal, unha medida que tamén foi apoiada polo TSXG.

0.18764901161194