O TSXG ordena repetir as votacións das eleccións municipais nunha mesa de Burela
A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG acolleu o recurso interposto por Burela Sempre contra o acordo da Xunta Electoral de Zona de Mondoñedo relativo á proclamación de electos na circunscrición electoral de Burela, correspondente ás eleccións municipais celebradas o pasado 26 de maio. En consecuencia, o alto tribunal acordou declarar nula a elección celebrada na Mesa Electoral 1.5.U de Burela e ordenou efectuar unha nova convocatoria para que se repita a votación nesa mesa no prazo de tres meses.
Na sentenza, a Sala indica que se descoñece se algún dos votos declarados nulos nesa mesa podía favorecer á formación política recorrente, é dicir, se algún deses votos ía destinado a ela. “O único que se sabe é que as papeletas desapareceron e que de lle favorecer tan só unha delas, a formación política tería representación no municipio de Burela cun concelleiro”, salienta o TSXG.
Os maxistrados conclúen que se produciu “unha evidente irregularidade e incumprimento” por parte da mesa electoral, que estaba “obrigada a non destruír as papeletas ás que se negou validez, as cales se tiñan que unir á acta de escrutinio e arquivarse con ela, unha vez rubricadas polos membros da mesa”.
“Non se puido comprobar o contido real dos votos nulos, e por tanto, non se puido coñecer a verdadeira vontade dos seis electores que os emitiron. Pero si sabemos que se un deles se declarase válido e se dirisexe á formación política recorrente, se alteraría a composición da Corporación municipal, pois obtería un concelleiro en detrimento doutra formación política (BNG), que o perdería”, sinala o tribunal. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe recurso.