O Venres da Xira dará comezo ás festas de San Ramón e Santa María en Vilalba

O próximo 22 de agosto, a explanada da Madalena será o escenario do xa consolidado ‘Venres da Xira’, unha cita que abre o programa das festas de San Ramón e Santa María cunha noite de actuacións en directo protagonizadas por artistas vilalbeses e algúns convidados.
A xornada comezará ás 21:00 horas con Decrux B2B Bristradd e o seu chill house set, para continuar ás 22:00 con El Chocolay e Jorgito + Talent. Ás 23:00 horas será a quenda de Cris V; ás 00:30 horas subirá ao escenario David García; e ás 2:00 horas volverán Decrux B2B Bristradd para pechar a noite.
Os impulsores desta proposta, Adrián Martínez, Brais Trinidad, Cristina Vázquez e David García, lembran que “logo de moitos anos xuntándonos un grupo de amigos nos casetos, facendo incluso un caseto exclusivo para o evento e falando coas cantinas para que nos proporcionasen os medios, o venres da xira estase a converter nun evento sólido. Foi medrando pouco a pouco e gañando aceptación nos últimos anos ata chegar ao que é hoxe: a apertura das festas patronais, reunindo, o ano pasado, ao redor dunhas 800 persoas na explanada da Madalena”.
Nesta edición, o ‘Venres da Xira’ conta por primeira vez coa colaboración do Concello de Vilalba, algo que, en palabras dos organizadores, “supón un paso adiante no asentamento desta cita para que perdure no tempo, sen perder a nosa esencia: facer un evento do pobo para o pobo, onde non pechamos a porta a ninguén e mesmo traemos artistas convidados, como en anos anteriores. Un evento que pon en valor o talento local e demostra que, con esforzo e paixón, pódese levar a música dende a túa habitación ata un escenario diante de centos de persoas”.
A concelleira de Cultura, Mónica González, destacou a proposta como “un exemplo de dinamización cultural que nace da xente moza, que aposta polo talento local e pola diversidade musical, e que xa é unha cita imprescindible dentro das nosas festas patronais”.
Os organizadores agradecen o respaldo do público, definindo o encontro como “un día único durante o ano para desfrutar dunha variedade musical que non abunda na oferta local. Grazas a toda a xente que nos apoia dende o primeiro día e a toda a que se vai sumando a esta iniciativa. Sen vós, isto non sería posible. Vémonos o 22 de agosto no Venres da Xira!”.