O VI Slalom Concello de Guitiriz reunirá a 48 corredores no municipio este sábado

Este sábado, 26 de abril, Guitiriz converterase no epicentro galego do motor coa celebración do VI Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Ruta da Auga, organizado en conxunto coa Escudería Scratch Fene.
Ata 48 corredores participarán na proba, o que supón unha cifra case de récord, acadando nesta sexta edición a segunda cifra máis alta de participantes e quedando a un só participante de igualar o récord de 2023. Destacan tamén outras cifras, como a de debutantes, cun total de seis, entre eles o piloto de orixe guitiricense Miguel Villanueva.
Cómpre destacar que nesta edición haberá, ademais dos premios regulamentados, tres premios especiais, co VI Trofeo Feminino Pub Zeus e os novos premios, o I Trofeo Traseiras Pub Titanic e o I Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio. Nestes premios tamén se rexistraron grandes cifras, con cinco participantes no feminino, sete no de traseiras e oito no de pilotos lucenses.
A proba, que foi presentada oficialmente o pasado luns, ten carácter nacional e é puntuable para o Campionato de Galicia de Slalom. Dará comezo a partir das 16:30 horas, pero desde as 8:30 horas estaranse a realizar os diferentes trámites previos, como as verificacións técnicas. O remate da carreira está previsto para as 20:30 horas e a entrega de premios será en torno ás 21:15 horas.
Estará prohibido estacionar desde o venres 25 de abril ás 22 horas ata o sábado 26 de abril ás 22:30 horas nas seguintes rúas: contorna da praza do Campo da Feira, rúa Río Forxá, rúa As Costaneiras, rúa Candea e Paseo Sete Muíños.
O tráfico permanecerá cortado o sábado 26 de abril desde as 8 horas ata as 22:30 horas en: rúa do Mercado, rúa Deputación, Avenida Poeta Díaz Castro (desde o cruce coa rúa Xermade), contorna da praza do Campo da Feira, rúa Río Forxá, rúa As Costaneiras, rúa Candea e Paseo dos Sete Muíños.