O Vicedo xa inscribe para un curso ornitolóxico a comezos de outubro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
13 sep 2019

O Concello do Vicedo presentou oficialmente o curso de Turismo, Educación e Ocio vinculados á ornitoloxía na costa norte de Galicia, que se celebrará os días 4,5 e 6 de outubro, no municipio vicedense, na parte de Lugo e no de Mañón, pola franxa da Coruña.

Os contidos desenvolveranse en sesión de mañá e tarde con excursións ornitolóxicas e visitas diarias ao cabo de Estaca de Bares para observar e aprender sobre aves mariñas. Tamén a contorna da Illa Coelleira é unha destacada área de observación ornitolóxica.

Esta cita vén a coincidir co Día das Aves, unha cita anual na que se propón saír a desfrutar delas e seguir sumando apoios para avanzar na súa conservación.

As aves son as mellores indicadores do estado de saúde da contorna, son símbolo de calidade de vida, segundo a organización desta actividade. É por iso que coidar das aves é coidar do futuro.

Impartirán a docencia Antonio Martínez Pernas, técnico superior en Xestión e Organización dos recursos naturais e paisaxísticos, Álvaro Barros López, doutor en Bioloxía, ornitólogo experto en aves mariñas, Sergio París Gómez, educador ambiental do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, CEIDA, e Antonio Sandoval Rey, escritor, comunicador ambiental e ornitólogo experto en aves mariñas.

Este Curso está subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude e diríxese principalmente a persoas de 18 a 30 anos. As prazas son limitadas.

Abríuse unha lista, debido á demanda, para asistir como oínte as persoas maiores de 30 anos. Están inscribindo para o curso na Casa da Cultura de O Vicedo á que se pode chamar no 982 590 195.

0.17113089561462