O videoclip da banda viguesa Stoned At Pompeii foi gravado na Mariña

TerraChaXa | LugoXa
24 Nov 2019

Estreouse nos cines madrileños Artistic Metropol o videoclip Ancroidal da banda viguesa Stoned At Pompeii que foi gravado en diferentes localizacións da Mariña lucense

A peza audiovisual do director Xaime Miranda, que ten a Iago Vilarinho como director de fotografía, desenvolveuse ao longo de varios meses e foi gravado en diferentes localizacións da Mariña, como son o antigo salón de baile de Benito, en Vilaronte; o pazo de Carrocide, en Alfoz e os exteriores da casa de Pallares, en Barreiros. Así mesmo, o equipo desprazouse ao pazo da Toxeiriña, en Moraña (Pontevedra) para a gravación dalgunhas das escenas.

Neste novo traballo de Miranda, ademais dos compoñentes do grupo musical, interveñen o actor Brais Yanek – que participou en películas como Nove de novembro e Dohgs ou a premiada serie Fariña- e a actriz de teatro, e protagonista de musicais, María Borrazás. Para completar o elenco, o realizador contou coa colaboración da cervense Teresa Rey e con Juan Vilariño, membro da compañía Pico de Castro de Foz.

Como dato curioso, o lume protagonizou nunha das xornadas de gravación a anécdota da rodaxe, cando os veciños alertaron a Protección Civil e bombeiros sobre un suposto incendio nun garaxe de Burela, onde se estaba a filmar unha escena do videoclip.

0.11632990837097