O Vilalba FS abre inscricións para a tempada 2025/2026 e convoca a Asemblea Xeral Ordinaria

TerraChaXa
O club fai un chamamento a toda a mocidade para unirse á súa “familia”, coa campaña #VilalbaQuereFutsal
Vilalba-FS-feminino
5 Aug 2025

O Vilalba Fútbol Sala arrinca a preparación da nova tempada 2025/2026 cun dobre anuncio: por unha banda, abre o prazo de inscrición para as súas categorías masculinas e femininas, tanto no Club Grupo Forma-T Vilalba FS como nas Escolas Deportivas Vilalba FS; e por outra, convoca a súa Asemblea Xeral Ordinaria para o vindeiro 7 de agosto no Salón de Actos da Biblioteca de Vilalba.

No relativo á actividade deportiva, o club fai un chamamento a toda a mocidade para unirse á súa “familia”, coa campaña #VilalbaQuereFutsal. Están abertas as inscricións para as categorías Infantil (2012-2013), Cadete (2010-2011) e Xuvenil (2007-2008-2009). Ademais, as Escolas Deportivas, en colaboración co Concello de Vilalba, abrirán as súas inscricións no mes de setembro para os niveis Prebenxamín (2018-2019), Benxamín (2016-2017) e Alevín (2014-2015). Para máis información ou formalizar inscricións, os interesados poden contactar cos teléfonos 647 917 259 ou 649 128 088.

Paralelamente, o presidente do club, Álvaro Fraga Castro, convocou oficialmente aos socios e socias á Asemblea Xeral Ordinaria, que terá lugar o 7 de agosto, ás 19:00 horas en primeira convocatoria e ás 19:30 en segunda, co seguinte orde do día: lectura e aprobación da acta anterior, informe de xestión da tempada 2024-2025, estado de contas, aprobación do orzamento para o próximo exercicio, aprobación das cotas de socios e forma de pago, e rogos e preguntas.

⚙ Configurar cookies
0.1824631690979