O Vilalba FS feminino xógase no último partida de Liga o acceso á Segunda División
Este sábado 18 de maio ás 18:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba o Grupo Forma-t Vilalba FS xogarase no derradeiro partido de liga o título de Liga da Preferente Galicia Feminina que ten como premio o ascenso a Segunda División Nacional.
O equipo de Kini chega ao derradeiro partido empatado a 78 puntos co Fisober FS que foi case toda a tempada líder pero que perdeu coas vilalbesas os dous partidos xogados entre elas polo que o equipo chairego depende de si mesmo para alzarse co título. Diante terá o Ribeira FS Lieders, cuarto clasificado, que aínda que non se xoga nada é un rival do que non se teñen que fiar posto que foi o único equipo que lles gañou.
As rapazas do equipo vilalbés, que pase o que pase neste encontro, realizaron unha temporada excepcional, cunha segunda parte de campionato no que non cederon ningún punto e recortaron a desvantaxe de seis puntos que tiñan ao final da primeira volta co primeiro clasificado, poden facer historia e lograr o primeiro ascenso á Segunda División Nacional dun equipo feminino vilalbés.
Para tratar de acadalo, a directiva do Vilalba FS pide para este crucial partido o apoio de toda a sociedade vilalbesa. A comunión entre o equipo e afección é total polo que se agarda un novo cheo histórico que sirva de estímulo para unhas xogadoras que polo que levan loitado nos últimos anos merécense o título e o ansiado ascenso á categoría de prata do futsal nacional.