O Vilalba FS saca vantaxe na primeira sesión do play off polo ascenso á Segunda División Nacional

O Grupo Forma-t Vilalba FS pasou con nota o primeiro exame do play off polo ascenso á Segunda División RFEF. Así, este sábado logrou un novo fito histórico ante o Caja Rural Atlético Benavente FS no partido de ida, ao que venceu por 7-4.
O enfrontamento, que mediu ao segundo e ao terceiro clasificados do Grupo I da Segunda División B RFEF, estivo, como se esperaba, moi equilibrado e comezou con dous goles do rival, que o vilalbés logrou neutralizar xusto antes do intermedio indo ao descanso empatados a dous.
Xusto á volta, xa o local púxose por diante en dúas ocasións e logo xa foi dominando o marcador ata o tramo final. Gran actuación de Adri, que fixo un hat trick, xunto ao dobrete de Kevin. Tamén marcaron para os vilalbeses Ismael e Dieguito.
Tamén foi competitiva a loita entre os dous equipos durante o curso. No duelo da primeira volta disputado en Vilalba entre os dous equipos, ambos conxuntos protagonizaron un vibrante empate a oito goles, mentres que no segundo choque, celebrado en Benavente, os vilalbeses conseguiron a vitoria por un axustado 3-4.
Para os xogadores dirixidos por Kini, esta eliminatoria supón a súa primeira participación nun play off de ascenso á categoría de prata do fútbol sala nacional, culminando unha tempada excelente na que quedaron a só un punto do liderado. Este soño de ascenso devolvería ao club o espírito daqueles históricos anos do Hotel Villamartín FS.
O Atlético Benavente, pola súa banda, busca o retorno á Segunda División apenas dúas tempadas despois de perdela.
Independentemente do resultado da eliminatoria, o equipo chairego xa fixo historia esta campaña ao asegurarse por primeira vez a súa clasificación para a vindeira edición da Copa do Rei, grazas ao seu posto entre os catro primeiros da categoría.