O Vilalbés arranca a súa primeira tempada na Segunda RFEF
O primeiro equipo do Rácing Vilalbés comezou a pretempada onte co primeiro adestramento oficial, de novo ás ordes de Simón Lamas.
Foi un adestramento especial, xa que é o primeiro que fai o equipo como club de Segunda RFEF por primeira vez na súa historia.
Estiveron presentes realizando a primeira sesión preparatoria os 20 xogadores que forman a día de hoxe o equipo, así como o xogador do filial Samu e os xuvenís.
Foi a primeira toma de contacto na que será a primeira das tres sesións desta semana. O sábado, disputarán o primeiro amigable en Xove, ás 7 da tarde ante o Racing Club Ferrol.
CALENDARIO OFICIAL
Xa se coñece o calendario oficila da competición, que arrincará o 2-3 de setembro e prolongarase ata o 4-5 de maio. Os playoffs seguirán a seguinte orde: 11-12 e 18-19 de maio (semifinais) e 25-26 de maio e 1-2 de xuño (finais).
O partido de debut do Vilalbés será fóra, ante o Oviedo Vetusta, mentres que a estrea como local será ante o Real Avilés Industrial.
O primeiro derbi chegará na xornada 7 visitando San Lázaro para medirse ao Compostela, e a continuación virán dous derbis máis seguidos, ante Ourense CF e Fabril, mentres que os dous últimos derbis coincidirán coas dúas últimas xornadas, recibindo ó Coruxo CF na 33ª e visitando Pasarón para rematar a competición na casa do Pontevedra CF.
O obxectivo do club para este primeiro ano, segundo indicou o presidente, Juan José Vázquez Carreira, é quedar entre os doce primeiros.
OS XOGADORES
O Vilalbés inicia a competición con moitos dos xogadores da pasada tempada nas súas filas. O primeiro que repite é o adestrador que levou ao equipo á categoría máis elevada de todos estes anos, Simón Lamas. Este contará de novo con Juan Rodríguez no corpo técnico, ao que se unen Rodrigo Rivera como preparador físico e Javier Valencia como adestrador de porteiros.
Seguirán vestindo de verdivermello Make, Vérez, Álex Santomé, Javi, Varela, Buyo, Rares, Álex Pérez, Javi Rey, Santi Gegunde, José Varela e Pablo Rey, mentres que deixaron o equipo Marcos Souto, Joel, Damián Noya, Cuadrado, Marcos Álvarez e Dani Fernández.
Foron oito as fichaxes que fixeron este ano. Na defensa estarán agora Quico (procedente do Somozas), Nathaniel Nicholas (do Pol) e Luis Castro (do Polvorín); do Bergantiños incorpórase o centrocampista Diego Uzal, xunto aos dianteiros Christian Martínez (Polvorín), Isaac González (Silva) e Miguel Ángel Duque (Palencia Cristo Atlético). Tamén destaca a incorporación de Arturo Ramírez, do Málaga CF, que fará a vez de porteiro.
Yago Miguélez, Yago Vázquez, Borja e Gegun soben dos xuvenís, mentres que se unen tamén, desde o filial o porteiro Edgar e o dianteiro Samu López.