O Vilalbés cae na quenda de penaltis na final da Copa Federación
O Ourense CF será o representante galego na fase nacional da Copa Federación tras derrotar na final autonómica ao Rácing Club Villalbés na quenda de penaltis (2-4) tras rematar o encontro cun empate sen goles. Desde os 11 metros, os de Rubén Domínguez estiveron máis atinados e certificaron o billete para a fase nacional do torneo.
O choque arrincou cun gran ambiente na bancada do campo de fútbol da Medela. En xogo, nin máis nin menos que unha praza para a fase autonómica da Copa Federación.
Os primeiros 45 minutos foron moi disputados. A igualdade foi a nota predominante do enfrontamento. O Ourense CF quixo ter máis pelota ante un Rácing Club Villalbés que esperou a súa oportunidade á contra.
A máis clara foi para o combinado dirixido por Rubén Domínguez, cando no minuto 21 Facu Ballardo, con toda a meta para el, mandou a pelota fóra tras un erro do conxunto local.
Co empate sen goles chegouse ao descanso.
O inicio da segunda metade foi moi similar ao do inicio do choque, cunha oportunidade clara para o Ourense CF na cabeza de Gabri Palmás que sacou Arturo Enrique cunha boa intervención.
A réplica dos de Simón Lamas non tardou en chegar e foi moi clara, nun man a man de Christian ante Marqueta, pero o disparo do dianteiro do conxunto lucense marchou desviado.
Co paso dos minutos e co carrusel de trocos nos dous equipos, o partido rompeuse, malia que o electrónico non se moveu e a final decidiríase na quenda de penaltis.
Polo Rácing Club Vilalbés, ás ordes de Simón Lamas, xogaron Arturo Enrique; López (José Varela, min. 46), David Vérez, Quico (Nathan, min. 46), Javi Varela (Uzal, min. 46), Make, Rares (Pablo Rey, min. 88), Santi Gegunde (Javi Rey, min. 67), Luis (David Buyo, min. 79), Christian (Álex Pérez, min. 79) e Isaac (Izan, min. 67).