O Vilalbés fíxose co trofeo do torneo Vila de Castro

LugoXa | TerraChaXa
O filial verdivermello tamén foi o vencedor no triangular organizado polo Santaballés
partido-castro-vilalbes
A entrega de trofeos
21 Aug 2024

O Vilalbés fíxose co trofeo na nova edición do torneo estival Vila de Castro, un evento xa consolidado no calendario deportivo local. Foi unha xornada de fútbol intensa, onde, os dous equipos deixaron unha excelente impresión de cara ao inminente inicio de tempada, en categorías moi diferentes.

O Rácing Vilalbés, con máis historia e experiencia en categorías superiores, demostrou en cada xogada a súa calidade e bo facer. O seu fútbol disciplinado e de gran intensidade deixou patente a razón pola cal ocupan unha posición de prestixio no fútbol galego. A vitoria foi sen dúbida merecida (1-5), mais iso non resta mérito á destacable actuación do noso CD Castro. Polo Vilalbés marcaron Borja(2), Asier, Anthony e Adrián.

Aínda que a diferenza de categorías era evidente, os xogadores locais mostraron unha valentía e determinación encomiables, competindo con dignidade e ofrecendo momentos de gran calidade no terreo de xogo. Para os afeccionados presentes, quedou claro que o equipo está ben preparado e que as perspectivas de cara ao inicio da tempada son alentadoras.

Un momento especialmente emotivo da xornada foi a homenaxe ao noso querido Diego Pardeiro Morado, Dumi, que colga as botas tras unha dilatada e exitosa traxectoria como futbolista e capitán do CD Castro, para exercer como adestrador. A entrega dunha placa conmemorativa foi un xesto de recoñecemento á súa dedicación, esforzo e liderado ao longo dos anos.

Foi unha tarde de bo fútbol e de grandes emocións, onde ambos equipos demostraron un enorme respecto mutuo, tanto dentro como fóra do campo. O ambiente nas gradas foi inmellorable.

TRIANGULAR

Por outra banda, o equipo filial do Vilalbés, agora en Primeira Galicia, fíxose tamén coa vitoria no Triangular organizado polo Santaballés, que será un rival directo esta tempada xa que comparten categoría. Os verdivermellos derrotaron aos locais por 0-1 e ao Vizoño por 0-2.

0.063488006591797