O vilalbés José Cuba proclámase subcampión de Europa nos Campionatos policiais de Zagreb

O deportista vilalbés José Cuba vén de acadar un novo éxito internacional ao proclamarse subcampión de Europa nos Campionatos de Europa para policías, que se están a celebrar na cidade croata de Zagreb.
Cuba, integrante da delegación policial española, realizou unha brillante competición na que venceu todos os seus enfrontamentos ata chegar á final, onde finalmente caeu diante do representante de Polonia.
Aos seus 44 anos, José Cuba continúa plenamente activo no ámbito competitivo e demostrando un extraordinario nivel deportivo, capaz de mantelo entre a elite europea.
Este subcampionato supón un novo e merecido recoñecemento á traxectoria dun deportista incombustible, que segue sumando logros e representando con orgullo ao deporte vilalbés.