O vilalbés Pequeno Tres Pesos ten un oficio feito a base de paus
Marcos Ladra, ou máis coñecido como Pequeno Tres Pesos, leva máis dunha década adicándose as súas paixóns: a madeira e a escultura. Este vilalbés colleu o nome da familia, de como se lle chamaba ao seu avó para comezar unha carreira que combina a creación artística coa artesanía para definir un estilo propio que o convertiron xa nun referente no seu sector.
Afincado na capital da Chaira, abriu as portas do seu taller en Vilalba fai xa 6 anos. Defínese como artista, ebanista, carpinteiro e restaurador o que abre ante el un gran abano de posibilidades creativas e laborais.
Nado en Vilalba, comezou a súa andaina cunha expedición a Burela para facer o bacharelato artístico, o cal lle deu o primeiro e necesario contacto coas artes, coa madeira, co barro, co modelado e a pintura, entre outras experiencias vitais.
Ao final decidiu enfocarse no que máis lle gustaba, a madeira, un nobre material 2que é moi agradecido e versátil para a creación”. O curso de Arte Aplicada a Madeira na Escola Ramon Falcón de Lugo fíxolle plantexarse o seu futuro. Viu na madeira un campo moi amplo, no que quería traballar, tanto como ebanista, carpinteiro ou mesmo poñendo solos.
Despois destes estudos apuntouse a Restauranción de Bens Culturais na Escola de Conservación de Pontevedra. Alí foi onde puido ver doutra maneira a madeira, non só como escultura artística, senón como “un obxecto cotiá que se pode coleccionar” do que nacían armarios, cómodas e outras opcións. Así puido desenvolverse como pez na auga nas tarefas de recuperación dos retablos do santuario da Virxe da Barca de Muxía.
O seguinte paso foi deixarse ver por feiras como artesán, o que lle permitiu facer traballos por encargo e desmostracións en vivo de tallas en diferentes eventos de Galicia, Asturias e o País Vasco.
A Marcos o que lle gusta é crear, e sobre todo a escultura. Modelar, investigar e levar a cabo as súas ideas é o que lle presta e o chea de satisfacción. Gustaríalle moito facer o que el chama “escultura de rotonda” (esas grandes obras que están nas prazas ubicadas nos cruces das estradas), xa que como explica “son pezas que se poden ver moitísimo máis, e por todo o mundo e ademais creo que é a maneira de consolidarse como escultor”.
Desenvolvendo esta parte do seu traballo, destaca unha das súas obras máis grandes e que máis lle gusta, unha parella de namorados nunha árbore, que se atopa na casa de Práxedes de Vilalba.
Tras avanzar na súa carreira como escultor e artesán, decidiu tamén mostrar os seus coñecementos e agora traballa para o Centro de Artesanía de Lugo, dando cursos para as asociacións de veciños nas parroquias e tamén é monitor da Asociación de Amigos da Madeira de Ribadeo.
A gran maioría das súas pezas son por encargo, aínda que como lle gusta crear, sempre ten o seu taller abarrotado de grandes ideas plasmadas en madeira. Dentro das súas obras atopamos traballos de índole privada como mobles restaurados, carteis para restaurantes e traballos recoñecidos como un tótem en madeira sen policromar para o Centro de Artesanía de Lugo, outra escultura para a Asociación Xermolos ou tallas restauradas do Sagrado Corazón na parroquia de Ínsua.
Pero un dos seus traballos máis salientables e recoñecidos foi a axuda á restauración en temas de limpeza e precintado da pedra nas fachadas da Catedral de Santiago de Compostela. Tocoulle amañar as bóvedas do Pórtico da Gloria da Catedral, o cal lle levou case tres anos de minuciososo labor. E todo isto tiña que estar ben listo e perfecto para cando chegara a quenda da restauración do propio Pórtico.
O seu traballo é para el moi agradecido e divertido, o que lle fai estar descubrindo novas técnicas que o levan a estar innovando e aprendendo cada día. E como a experiencia é un grao, agora xa sabe que o seu material preferido é o castaño vello porque “nin retorce, nin abre e o acabado é máis interesante”.
Nun día de traballo, o primeiro é a idea e despois atopar a madeira perfecta para o labor.