O vindeiro curso a Mariña contará cun 'Polo de formación forestal'
A Xunta está a traballar na posta en marcha do Polo de formación forestal da Mariña, que contará con cursos ligados ao sector forestal que se impartirán no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo, e no IES San Rosendo, de Mondoñedo. O polo levarase a cabo na Mariña lucense ao ser unha das zonas con máis cortas de Galicia e, por ende, de España; e no marco do impulso que está a protagonizar o Goberno galego tanto da formación continua como dos certificados de profesionalidade, ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural.
Así llo trasladaron os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e de Planificación e Ordenación Forestal, Manuel Rodríguez e José Luis Chan, respectivamente, ao xerente do Clúster da Madeira, Ricardo González, nun encontro que mantiveron esta mañá en Santiago de Compostela para avanzar na posta en marcha desta formación.
Así, o vindeiro curso escolar implantarase un novo ciclo medio en modalidade de FP dual sobre aproveitamento e conservación do medio natural no centro ribadense, dependente da Consellería do Medio Rural, mentres parte das clases prácticas se desenvolverán no instituto mindoniense, que xa contaba con esta titulación na súa oferta educativa. A maiores, no IES San Rosendo de Mondoñedo impulsarase formación relacionada coa horta.
O novo ciclo sobre aproveitamento e conservación do medio natural terá unha duración de dous anos e 2.000 horas de formación, repartidas en clases teóricas e prácticas nos propios centros mariñaos e en empresas do sector. A maiores, apostará pola formación continua con técnicos de Finlandia e outros países desprazados a Galicia, así como poñendo o programa Erasmus+ no país escandinavo a disposición tanto de profesores como de alumnos. Da formación continua tamén se poderán beneficiar os distintos operadores do sector forestal da Mariña lucense, con cursos orientados tanto ao aproveitamento do recurso como á súa transformación.
Nesta liña, durante o primeiro curso do ciclo impartiranse un total de seis módulos profesionais, que combinarán clases teóricas e prácticas no propio centro Pedro Murias -que conta cunha explotación agrogandeira propia con gando vacún e 13 hectáreas de terreo-, así como no IES San Rosendo de Mondoñedo, dotado tamén de instalacións perfectamente equipadas. Así, o alumnado adquirirá coñecementos en fundamentos agronómicos, tales como o clima, solo, operacións topográficas, ecosistemas, etc.; principios de sanidade vexetal, centrado en vexetación espontánea e fauna prexudicial e beneficiosa, así como no estado sanitario e métodos de protección das plantas.
A maiores, impartirase un terceiro módulo sobre repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que comprende tamén formación en desprazamentos e traballos en altura. Outro módulo centrarase na produción de planta forestal en viveiro, para o cal se está a estudar a posibilidade de levar a cabo un convenio en dual con algún viveiro forestal da zona. O quinto módulo estará centrado na maquinaria e instalacións forestais e, finalmente, un de formación e orientación laboral, que se impartirá de forma conxunta entre a empresa e o CFEA Pedro Murias.
Xa no segundo curso impartiranse outros seis módulos, centrados no control fitosanitario, nas conservación das especies cinexéticas e piscícolas, no uso público en espazos naturais, no aproveitamento do medio natural, na prevención de incendios forestais e nas iniciativas emprendedoras. No caso dos tres últimos módulos impartiranse de forma conxunta entre a empresa que levará as prácticas do alumno e o CFEA Pedro Murias.
Así, as persoas que obteñan este título poderán exercer a súa actividade en empresas grandes, medianas e pequenas, tanto públicas como privadas, dedicadas aos traballos de repoboación forestal, de restauración e ordenación hidrolóxica forestal e de aproveitamento forestal, así como de control e vixilancia do medio natural.