O xacemento do Carreiro-Marzán en Foz comeza a amosar o patrimonio

TerraChaXa | AMariñaXa
O xacemento do Carreiro-Marzán en Foz comeza a amosar o patrimonio. Atopouse un anaco de cerámica terra sigillata romana.
Captura de pantalla 2020 07 04 a las 12.16.57
19 Nov 2020

Tras comezar as prospeccións arqueolóxicas do sitio arqueolóxico do Carreiro-Marzán atopáronse novas pezas do patrimonio focego, nesta ocasión foi un anaco de cerámica terra sigillata romana coas patas dun equino ou cérvido que podería datar o estrato arredor do século I.

Este xacemento que abarca tres penínsulas costeiras e no que existen restos murais e evidencias materiais da idade de Ferro e ao período romano contará cunha campaña que se prolongará durante dous meses, centrarase no treito do litoral comprendido entre as praias da Rapadoira e de Peizás co obxectivo de comprobar o actual estado das seccións do terreo nas que se documentaron estruturas e materiais arqueolóxico en anos anteriores, así como xeolocalizar as diferentes bocas e galerías mineiras existentes antes de que a erosión mariña elimine os rexistros que se conservan.

Nunha segunda fase, realizaranse dúas sondaxes arqueolóxicas valorativas co fin de caracterizar a cronoloxía dos restos neste sitio arqueolóxico. A actuación completarase con accións divulgativas para difundir os resultados obtidos e a posta en valor do xacemento arqueolóxico na comunidade local.

Cómpre lembrar que o treito de costa sobre o que se actuará está dominado por unha liña de cantís de forte pendente no que se inxiren pequenos entrantes en forma de cala e no que se documentaron varias aberturas e mesmo unha galería de explotación mineira feita con instrumentos metálicos. Neste espazo, aínda que non foron descubertos materiais arqueolóxicos que permitan determinar a cronoloxía destas minas, si se documentaron na superficie restos asociados a material arqueolóxico do período castrexo ou romano.

A actuación levada a cabo no concello de Foz enmárcase no proxecto de control xeométricos e monitorización de xacementos arqueolóxicos na Mariña lucense que iniciou a Consellería de Cultura e Educación, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no ano 2016 co obxectivo de avaliar os efectos da erosión costeira en diferentes sitios arqueolóxicos da comarca.

Captura de pantalla 2020 07 04 a las 10.36.39
0.14490509033203