O Xulgado dá a razón ao Sindicato Labrego Galego fronte a unha pizarreira da Pastoriza

O Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº2 da cidade de Lugo vén de desestimar a demanda interposta pola empresa Pizarras Universal S.L. contra o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Consellería de Economía, Industria e Innovación. O motivo da denuncia foi a solicitude de información realizada polo SLG sobre a concesión mineira Mondoñedo Fracción Segunda, situada no concello da Pastoriza, titularidade da citada empresa.
Como explica o sindicato, a empresa pretendía impedir o acceso a esta información alegando falta de interese lexítimo por parte do sindicato e invocando o carácter confidencial dos datos solicitados. Porén, o Xulgado rexeitou estes argumentos, lembrando que os motivos para denegar o acceso á información deben interpretarse de forma restritiva. A sentenza tamén condena a empresa ao pagamento das costas procesuais, cun importe de 500 euros.
O auto do tribunal destaca o marco legal que avala a actuación do SLG, facendo referencia á Instrución 6/2018 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, publicada no DOG do 20 de agosto de 2018. Nela recoñécese que o sector mineiro é especialmente sensible ás demandas de transparencia cidadá polas importantes repercusións económicas, sociais e ambientais que pode supor esta actividade. A mesma instrución sinala tamén a complexidade técnica e administrativa desta materia, así como a súa prolongada vixencia no tempo.
Esta resolución xudicial prodúcese nun contexto no que se está a observar unha preocupante redución dos dereitos cidadáns no tocante ao acceso á información e á capacidade de resposta fronte a proxectos industriais e enerxéticos que contan con financiamento público, mais que adoitan implicar serios impactos no territorio e na saúde das persoas.
De feito, no caso de Pizarras Universal, a empresa está actualmente inmersa nun expediente sancionador aberto pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debido a vertidos de augas residuais sen autorización nas súas instalacións de Xemil (Bretoña). Estes feitos foron denunciados polo SLG, que tamén presentou diversas denuncias ante o Seprona por outras presuntas irregularidades nesta canteira.
Desde o Sindicato Labrego Galego denuncian que "medidas como a redución dos prazos de exposición pública, as dificultades para presentar alegacións ou as expropiacións forzosas amparadas en figuras como a de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), responden a unha lóxica capitalista que prioriza os intereses empresariais por riba da protección ambiental e dos dereitos da cidadanía. Neste sentido, o SLG advirte sobre o papel que teñen leis como a Lei 5/2017, a Lei 9/2021 ou a recente Lei 2/2024 no avance desta tendencia".
Malia iso, desde o sindicato valoran positivamente que os tribunais poñan freo "aos abusos empresariais", como destaca Margarida Prieto Ledo, responsábel da loita contra o acaparamento de terras no SLG: “Esta resolución demostra que estas empresas están dispostas a todo por acaparar terras, pero tamén que a loita colectiva e organizada pode facerlles fronte, por moi grandes que sexan”.
O Sindicato Labrego Galego reafirma o seu compromiso de continuar loitando en defensa do medio rural, "apostando por modelos produtivos sostibles e respectuosos co territorio, como a agricultura e a gandaría ecolóxica, que contribúan a un desenvolvemento rural vivo e dinámico".