Obradoiro sobre saúde feminina na Casa da Cultura de Begonte

O Concello de Begonte, en colaboración coa Escola Galega de Saúde, impulsa un novo obradoiro centrado na saúde das mulleres que se desenvolverá o luns 24 de novembro na Casa da Cultura de Begonte a partir das 16.30 horas. A actividade enmárcase na liña de accións municipais dirixidas a mellorar a información e a prevención en materia de saúde feminina, que xa tiveron moi boa acollida noutras edicións deste taller no municipio.
Baixo o título 'Muller e saúde', a sesión abordará cuestións clave como a menopausa e a osteoporose, a prevención xinecolóxica, os principais factores de risco, aspectos de fisiopatoloxía e a importancia dunha alimentación equilibrada e do exercicio físico regular para manter unha boa calidade de vida.
A formación estará impartida por Cristina Ouro Núñez, matrona do Complexo Hospitalario de Lugo, profesional que colabora habitualmente coa Escola Galega de Saúde en programas formativos dirixidos á cidadanía.
A inscrición xa está aberta e pode formalizarse a través do correo electrónico 'deportes@concellodebegonte.es', enviando unha mensaxe de Whatsapp ao teléfono 619 455 026, chamando ao 982 396 143 ou de maneira presencial nas oficinas municipais. O Concello indica ademais que tamén é posible anotarse directamente mediante unha ligazón habilitada nas súas canles dixitais.