Obradoiros, sesión vermú, cantos de taberna e concertos na II Axeigada de Rábade

LugoXa | TerraChaXa
Desde Axeigo animan a toda a veciñanza e visitantes participar nesta celebración que promete encher Rábade de música e baile tradicional
obradoiro-Axeigada-Rábade-2024
9 Mar 2025

A agrupación folclórica Axeigo vén de confirmar todas as actividades que formarán parte da segunda edición da Axeigada, a II Foliada de Primavera, que organiza en colaboración co Concello de Rábade.

O evento, que terá lugar o 22 de marzo no Centro Sociocultural de Rábade, acollerá música e a tradición galega, así como obradoiros, cantos de taberna e foliada aberta, onde músicos e asistentes poderán gozar dunha xornada de festa e cultura popular.

Así, todo comezará ás 12.00 horas co primeiro obradoiro de iniciación ao baile no centro sociocultural. Logo, ás 13.00 horas, terá lugar a sesión vermú con acompañamento de dous grupos de música: a Charanga Benofán e Airiños da Fonda.

Xa pola tarde, haberá dous obradoiros, un de manipulación de palletas, ás 16.30 horas, e outro de canto e percursión, tamén ás 16.30 horas.

Pola súa parte, os cantos de taberna serán de 19.00 a 22.00 horas, nos que se contará coa participación da A.C. Xermolos, Airiños da Fonda, A.C. Castiñeiro Milenario e Xuvencas.

Xa a partir das 22.30 horas será a quenda dos concertos no centro sociocultural comezando por Axeigo, un grupo de rapaces da contorna de Lugo, composto por dúas gaitas, tambor, pandeireta e bombo. De 23.00 a 23.45 horas actuarán As Tarabeliñas, un grupo de pandereteiras creado no 2009 que forma parte da reputada Asociación Cultural Donaire. Finalmente, a xornada rematará co concerto de Bailai Malditos, un grupo que retorna á fórmula mínima destilada por selección musical: gaita, tambor e bombo. Mediante o seu repertorio tradicional ou de autoría propia, xeneran música de desgaste para adeptos ao baile solto.

Os organizadores esperan "unha gran acollida desta segunda edición da Axeigada, xa que a primeira foi todo un éxito. Sorprendeunos a cantidade de xente que veu desfrutar a Rábade e esperemos que este ano veña máis".

Desde Axeigo animan a toda a veciñanza e visitantes participar nesta celebración que promete encher Rábade de música e baile tradicional.

0.16335797309875