O Fendetestas convoca unha sesión de adestramento de rugby feminino nas Pontes
O Club Rugby Fendetestas arranca os seus propósitos para o ano 2025 cunha proposta inclusiva e deportiva: unha sesión de adestramento de rugby feminino, aberta a todas as mulleres interesadas, independentemente do seu nivel, experiencia ou condición física.
A actividade terá lugar o sábado 18 de xaneiro, de 12:00 a 13:30, no campo do Poboado, nas Pontes. Este evento está deseñado para maiores de 16 anos e busca fomentar a participación feminina neste deporte, promovendo un ambiente de compañeirismo e diversión.
O obxectivo é achegar o rugby a un público máis amplo e o club anima a todas as mulleres da contorna a participar ou a compartir a iniciativa con amigas, familiares e coñecidas.
Para participar, só é necesario cubrir o formulario de inscrición dispoñible a través desta ligazón.
Esta iniciativa conta co apoio do Concello das Pontes, a Federación Galega de Rugby e o Club Rugby Fendetestas. Unha oportunidade única para descubrir o rugby e formar parte dun proxecto que aposta pola igualdade e o deporte en equipo.