Oito orquestras actuarán nas festas de Santa Roque e Santa María do Campo de Ribadeo

TerraChaXa | AMariñaXa
1 Aug 2019

As festas patronais de Ribadeo, na honra de Santa María do Campo, e as de San Roque contarán coa actuación de oito orquestras.
Nos festexos de San Roque, que se celebrarán o 16 de agosto, venres, o programa inclúe a saída dos Cocos e cabezudos co grupo de gaitas Illa Pancha, ás 11:30 da mañá, e unha hora despois haberá misa solemne e a continuación procesión e concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Ás 22:30 horas empezará a verbena coa orquestra Fénix e a discoteca móbil Blanco y Negro.
Do 16 ao 22 de agosto haberá o Mercado Pirata no parque de San Francisco e o día 31, sábado, celebrarase o pregón das festas patronais de Ribadeo. Será no Teatro ás 20:30 horas a cargo de Fabián Pérez Rego, xornalista ribadense afincado en Madrid que na actualidade traballa como reporteiro no programa de televisión Todo es mentira, de Cuatro. A continuación actuará a Coral Polifónica de Ribadeo.
O 5 de setembro, xoves, será o Día Infantil e ás 16:00 horas haberá teatro para os nenos e nenas de 3 a 10 anos. Será a storytime Around the world, by Kids&Us School of English Ribadeo. Ás 16:30 horas no parque Diverneno con inchables, festa da escuma e moito máis. No caso de que o tempo non acompañe os xogos trasladaranse ao pavillón do colexio Gregorio Sanz. Colabora con esta xornada Acisa Ribadeo. E xa pola noite ás 22:30 horas haberá festa verbena amenizada pola orquestra Os Satélites.
O 6 de setembro, venres, as orquestras Trébol e Nueva Fuerza serán as encargadas de amenizar a festa verbena desde as 22:30 horas. 
O sábado, día 7, grandes bombas de palenque anunciarán a véspera da Patroa. Ás 11:30 horas sairán os Cocos e os Cabezudos acompañados do grupo Amigos da Gaita. Pola noite ás 22.30 horas dará comezo a festa verbena coas orquestras Passarela e La Favorita. Ás 00:00 horas no peirao gran sesión de fogos artificiais, os fogos do sete. 
O día grande será o 8 de setembro, día da Patroa. A xornada dará comezo coas potentes bombas de palenque que anunciarán o comezo do Día da Patroa. Ás 12:00 horas haberá misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión acompañada pola Banda Municipal de Música de Ribadeo, que a continuación ofrecerá un concerto diante do Concello. Xa pola noite ás 22:30 horas será a verbena coas orquestras Palladium e Televisión.
A comisión organizadora está estes días a repartir o libro das festas entre as ducias de firmas comerciais que os quixeron apoiar coas súas achegas económicas.
Os membros da comisión son poucos polo que non poden ir por todos os domicilios a recoller donativos para os festexos, pero os que queiran colaborar poden entregar as súas achegas no estanco Luxen, na tenda de roupa Mika e nas catro farmacias que hai na vila ribadense, ademais de persoalmente a calquera dos tres membros: Juan José Otero, Avelino Martínez e Marta Saiz.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17989802360535