Olalla Rodil defendeu en Vilalba o comercio de proximidade

TerraChaXa
O BNG en Vilalba presentou a campaña Mellor Local, Mellor Galego; Aposta polo noso en apoio ao comercio de proximidade.
Comercio proximidade bng vilalba
18 Dec 2021

O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba presentou a campaña Mellor Local, Mellor Galego; Aposta polo noso en apoio ao comercio de proximidade. Esta dinámica conforma unha forma responsábel de consumo, que dinamiza a economía local e respectuosa co medio ambiente.

Por isto, o BNG animou nun reparto de información polas rúas de Vilalba a mercar e desfrutar dos produtos galegos nestas datas de Nadal, e de igual modo no resto do ano.

A deputada por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, participou neste acto xunto con membros do BNG en Vilalba no que destacou a importancia de defender o comercio tradicional “as tendas de barrio que conteñen produtos de aquí son garantía da calidade que produce este País”.

Neste senso, Olalla Rodil declarou “desde o BNG queremos unha lei que defenda o pequeno e mediano comercio galego, axudándoo en novas canles de distribución dos produtos galegos e así crear emprego e riqueza”

De igual xeito, a responsábel local do BNG en Vilalba, Pilar Prieto, sinalou a importancia do comercio de proximidade “en Vilalba o comercio de proximidade é fundamental, garanten a vida da nosa vila como de servizos para todas as parroquias e arredores, ademais de amosar o gran potencial que posúen os produtos da nosa comarca”.

0.19207000732422