Olalla Rodil denuncia no Parlamento a falta de médicos do centro de saúde de Vilalba

TerraChaXa
A deputada nacionalista achaca a falta de facultativos ao recorte de prazas e ás “condicións laborais leoninas” que impón o Sergas e que provocan a fuxida da Primaria
olalla-rodil-bng-vilalba
29 Jan 2026

A deputada do BNG Olalla Rodil denunciou no Parlamento a falta de persoal médico que a veciñanza de Vilalba leva anos sufrindo, con esperas neste momento de ata vinte días para poder ser atendida no seu centro de saúde. Unha situación que “non é nin aceptable nin admisible nin sostíbel”, denunciou, e que o Sergas “vai parcheando un día si e outro non” sen aportar solucións, “intentando tapar unha perna con outra entre quilos, iso si, de propaganda”.

“Moita xente non espera porque non pode esperar, e acaba acudindo ao PAC para consultas que deberían ser atendidas nunha consulta ordinaria ou que van directamente ás urxencias do HULA”, denunciou Rodil, que censurou o “desprezo” dos responsables da Consellería de Sanidade a unha veciñanza que “parece que non ten outra cousa mellor que facer que reclamar unha atención de calidade nos servizos públicos”.

Segundo explicou a deputada por Lugo, coincidindo coas mobilizacións veciñais, a Xunta anunciou que se incorporaban tres médicos coa resolución do concurso-oposición de 2022, pero na práctica isto só supuxo unha persoa nova no centro de saúde, posto que unha non se incorporou e outra xa estaba cubrindo unha vacante.

Explicou, ademais, que as seis prazas de médico que non están cubertas no centro de saúde van “parcheándoas”. “Hai un médico que vai tres días a Vilalba e dous a Abadín e logo teñen unha médica que só ve urxencias dos cupos que non teñen médico”, asegurou.

Peor aínda, criticou, é a situación da atención pediátrica nun centro de saúde que, recordou, atende arredor de 14.000 persoas neste concello cabeceira de comarca da Terra Chá. As dúas pediatras do centro están de baixa e “algún día van cubrindo o servizo con alguén do hospital ou doutros centros de saúde”, pero cando isto non sucede os nenos e as nenas teñen que acudir ao PAC ou ir directamente ao HULA.

“O que lle pedimos é que fagan algo máis do que están facendo”, díxolle ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo José Silva Tojo, a quen afeou que a súa xestión se reduciuse até o de agora a “parches” e “propaganda”.

Diante dos argumentos do responsable da Consellería encargado de responder ao BNG, Rodil achacou a falta de médicos en Galiza ao recorte de prazas durante anos e ás “condicións laborais leoninas que fan que o persoal fuxa da Atención Primaria”.

“Igual o problema é algo máis que cubrir prazas MIR ou seguir incrementando o número de prazas MIR, igual hai que garantir a esa xente que teña unhas condicións laborais de calidade”, afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.062638998031616