Olalla Rodil valora o resultado histórico do BNG na provincia de Lugo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
"Temos máis empuxe ca nunca para seguir defendendo Lugo e a vida das nosas veciñas e veciños", afirmou Olalla Rodil.
deputados bng parlamento galego
21 Feb 2024

"Temos máis empuxe ca nunca para seguir defendendo Lugo e a vida das nosas veciñas e veciños", afirmou Olalla Rodil.

As catro deputadas electas do BNG pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, Daniel Castro, Montserrat Valcárcel e Iago Suárez, participaron hoxe nun almorzo informativo cos medios de comunicación onde fixeron unha valoración dos resultados conseguidos polo BNG nas eleccións do 18 de febreiro, nas que o BNG alcanzou un resultado histórico tanto a nivel galego como en Lugo. En toda Galiza, alcanzáronse preto de medio millón de votos, 155.000 máis que en 2020, colocando ao BNG cun grupo parlamentario de 25 integrantes, que ocupa un terzo do hemiciclo, mentres que tanto na provincia de Lugo como na cidade se conseguiu unha mellora notable.

Olalla Rodil afirmou que "desde o BNG temos máis empuxe ca nunca para seguir defendendo Lugo e a vida das nosas veciñas e veciños", e engadiu "é certo que non conseguimos que se producise un cambio político neste País cun novo goberno liderado polo BNG pero hoxe temos máis forza e máis ganas que nunca para seguir traballando cara ese horizonte"

O BNG non ten teito. "Dicíannos en 2020 que 19 escanos era o máximo ao que podíamos aspirar, que chegáramos ao noso límite e que a maior parte do voto que tiñamos era prestado", explicou Olalla Rodil, que engadiu "catro anos despois demostramos que o BNG é unha forza política sólida que lidera a oposición en Galiza de maneira reforzada".

Segundo Olalla rodil, "despois destas eleccións queda claro que a alternativa ao Partido Popular é o Bloque Nacionalista Galego". A deputada do BNG afirmou que "sabemos que hai moitas das persoas que poden sentirse decepcionadas porque non se produciu un cambio de goberno, comprendemos esa frustración, pero a campaña que fixemos e o resultado electoral do BNG demostraron que este País xa cambiou, que a partir de agora nada será igual e que non hai marcha atrás porque hai unha cidadanía ilusionada, que ambiciona unha Galiza mellor, con mellores servizos públicos con máis oportunidades e máis dereitos, e imos construíla colectivamente ao longo destes catro anos".

0.1869330406189