Olimpia López defende a blindaxe do Goberno á saúde visual co través do Plan Veo

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou hoxe en Vilalba unha das ópticas adheridas ao Plan VEO para dar a coñecer esta iniciativa estatal destinada a garantir o acceso universal á saúde visual na infancia.
Durante a visita, na que estivo acompañada pola alcaldesa Marta Rouco, a subdelegada puxo en valor que “ver ben non pode depender da capacidade económica das familias, porque a saúde visual está directamente relacionada coa aprendizaxe, coa igualdade de oportunidades e co desenvolvemento persoal dos nenos e nenas”.
O programa, impulsado polo Gobierno de España a través do Ministerio de Sanidade, establece unha axuda directa de ata 100 euros ao ano para menores de 16 anos con problemas de refracción visual.
Na actualidade xa se adheriron ao plan 65 ópticas na provincia de Lugo, dentro dunha rede de 532 establecementos en toda Galicia. Isto contribuíu a que a comunidade rexistre 4.529 solicitudes e a taxa de acceso máis alta do Estado en relación á súa poboación.
A subdelegada agradeceu expresamente a implicación da óptica Que Ves, subliñando “o esforzo e o compromiso do comercio local en concellos como Vilalba para converter as políticas públicas en solucións reais e próximas á cidadanía”. López incidiu tamén en que o programa “non só mellora a saúde visual da infancia, senón que reforza o comercio de proximidade e dinamiza a economía das nosas vilas e cidades”.
Segundo lembrou, un de cada dez menores presenta problemas de visión non corrixidos por motivos económicos, unha situación que pode afectar ao rendemento escolar, á autoestima e á vida diaria. “Actuar a tempo é garantir futuro”, resumiu.
O Plan VEO financia ata 100 euros por menor e ano. Se o produto óptico custa menos desa cantidade, a axuda cobre o total. Se o supera, a familia só paga a diferenza.
Non existen límites de ingresos: o único requisito é a necesidade médica acreditada dun problema de refracción visual.
Poden acceder menores de ata 16 anos inclusive con dereito á asistencia sanitaria pública e diagnóstico de miopía, hipermetropía ou astigmatismo.
Tamén están incluídos menores con aseguramento a través das mutualidades administrativas (MUFACE, MUGEJU e ISFAS).
Inclúen lentes graduadas completas con montura básica e cristais orgánicos antirreflexo; cambio só de cristais en monturas existentes, lentes de contacto e solución líquida de mantemento para un ano no caso das lentes de contacto.
Trátase dun dos gastos sanitarios privados máis elevados para as familias e que non estaba cuberto pola sanidade pública.
A tramitación realízase exclusivamente de forma presencial nas ópticas adheridas. Os pais, nais ou titores legais solicitan a axuda no propio establecemento, que se encarga de toda a xestión administrativa. As ópticas participantes identifícanse cun adhesivo específico visible no exterior e interior do local.