Olimpia López supervisa as actuacións de emerxencia realizadas na A-6, á altura de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A subdelegada do Goberno en Lugo explicou que os traballos inclúen tres vías fundamentais para a mobilidade na área urbana e periurbana de Lugo
obras-estradas-a6-olimpia
18 Mar 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, supervisou hoxe as actuacións de emerxencia que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a executar na autovía A-6 ao seu paso polo Concello de Outeiro de Rei, incluídas no plan extraordinario posto en marcha para reparar os danos provocados polo tren de borrascas deste inverno.

Estas intervencións forman parte dun paquete de actuacións que abrangue tamén as estradas N-6 e N-640, cun investimento conxunto de 2,9 millóns de euros destinado á rehabilitación do firme e á mellora das condicións de seguridade viaria nas principais vías de acceso e conexión coa cidade.

Durante a visita, Olimpia López destacou que o Goberno está a actuar “con planificación e medios técnicos” para dar resposta aos efectos das intensas choivas dos últimos meses, que provocaron un deterioro significativo en distintos puntos da rede estatal na provincia.

A subdelegada puxo en valor a importancia destas actuacións no entorno de Lugo, onde se concentra un elevado volume de tráfico diario, tanto de vehículos particulares como de transporte de mercadorías. “Estamos a actuar en vías fundamentais para a mobilidade da cidadanía e para a actividade económica, garantindo que estean en condicións axeitadas”, sinalou.

López incidiu en que este plan extraordinario responde a unha situación excepcional derivada de varios meses consecutivos de borrascas, lembrando que o Goberno iniciou as obras “en canto as condicións meteorolóxicas o permitiron”, como xa indicara noutras visitas realizadas na provincia.

“A conservación das estradas é unha tarefa continua, pero en situacións como esta é necesario reforzar os medios e actuar con maior intensidade para garantir a seguridade viaria”, afirmou.

Actuacións coordinadas na contorna urbana

As intervencións na N-6, A-6 e N-640 forman parte dunha estratexia coordinada para mellorar o estado das infraestruturas viarias na contorna da cidade de Lugo, un nodo clave de comunicacións na provincia.

O obxectivo destas actuacións é actuar nas principais vías que canalizan os accesos á cidade, mellorando a súa funcionalidade e asegurando unhas condicións de circulación máis seguras e eficientes.

Seguimento das actuacións na provincia

Nas últimas semanas, a subdelegada do Goberno vén realizando un seguimento directo das obras de emerxencia en distintos puntos da provincia, como a N-120 en Quiroga, a N-540 en Chantada ou a N-642 na Mariña, onde supervisou actuacións de rehabilitación do firme en tramos especialmente afectados polo temporal.

Este percorrido pola rede estatal permitiu comprobar o avance dos traballos e reforzar o compromiso do Goberno coa mellora das infraestruturas viarias en toda a provincia, atendendo ás necesidades da veciñanza e das persoas usuarias das estradas.

0.11910104751587