Onte foi presentado en Ribadeo o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres

TerraChaXa | AMariñaXa
O salón de plenos do Concello acolleu onte a presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes para o período comprendido entre 2019 e 2022.
Onte foi presentado en Ribadeo o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres
3 Maio 2019

O salón de plenos do Concello acolleu onte a presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes para o período comprendido entre 2019 e 2022.

No acto a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, fixo un repaso das actuacións desenvolvidas no Concello durante os últimos anos, desde a creación da primeira Concellaría da Muller en 2003, pasando pola creación do CIM en 2004, do Consello Municipal das Mulleres en 2005 (polo que pasaron xa coma vogais 100 mulleres) e dos anteriores Plans de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

Despois foi a quenda para a equipa técnica responsable da elaboración do Plan que hoxe se presentou. Tania Merelas, a técnica de Arabias, expuxo o proceso e a metodoloxía empregadas para a elaboración do  III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. As fases do plan foron: fontes oficiais (entrevista CIM); cuestionario persoal técnico; mesas de traballo diagnose e planificación; e redacción e presentación do III Plan.

Desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM subliñan que “o plan ten como principios reitores: o enfoque feminista das políticas públicas –transversalidade-; a igualdade entre mulleres e homes; a loita contra a violencia machista; a coeducación; a diversidade; un enfoque preventivo; a participación e o compromiso; e o coidado ou centralidade da vida”.

E engaden que o obxectivo xeral pasar “por promover a igualdade efectiva e real entre mulleres e homes en relación ás oportunidades de gozar dunha vida digna e libre de violencia machista”.

O eixos de traballo que vertebran o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello ribadense son “a educación en igualdade; a vida libre de violencia machista; o apoderamento e participación social; a organización social corresponsable e o mercado laboral; a saúde, o deporte e calidade de vida; e a transversalidade de xénero na administración municipal”.

A edil Mariluz Álvarez Lastra dixo que se trata dun documento de traballo para seguir cumprindo e aludiu ás actividades que se desenvolverán de prevención, de sensibilización, de ocio e de tempo libre, así como á posta en valor do CIM “como lugar de asesoramento, de información e como elemento organizador e planificador de todas estas políticas”.

A concelleira de Igualdade sinalou que “non se pode facer política si non existe dotación orzamentaria, cada actividade e cada partida leva unha contía económica con cargo aos presupostos municipais”.  E engadiu que “as mulleres que participamos na elaboración deste III Plan estamos moi contentas de poder levalo cabo e de que Ribadeo siga camiñando en prol da igualdade e da prevención en violencia de xénero, que é o que máis nos interesa”.

O acto deste tarde, que foi aberto ao público, rematou coa proxección da curta de Sara Varela titulada B positivos, que levou o Premio ao Mellor Videoensaio sobre Audiovisual Galego nos III Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual (edición 2019).

0.081954956054688