Organismos chairegos piden dedicar a Carvalho Calero as Letras Galegas do 2021
A Xunta Directiva do Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba, entidade cultural que ten como fin promover a investigación, o estudo, a conservación e a defensa da lingua e da cultura galegas, en xuntanza celebrada telematicamente o día 13 de abril, decidiu por unanimidade dirixirse á Real Academia Galega para amosar a desconformidade máis absoluta coa decisión tomada de adiar o Día das Letras Galegas ao 31 de outubro.
"Esta etapa de confinamento, que non sabemos ninguén o tempo que vai durar, leva a reflexionar e colixir que o coherente sería dedicar o ano 2021 á figura de don Ricardo Carvalho Calero, un dos persoeiros máis relevantes da cultura do noso país. É evidente que, de non ser así, a decisión que vostedes toman non contribúe en absoluto ao enxalzamento dunha das persoas que dedicou de maneira intensísima toda a súa vida a traballar por Galiza e pola lingua e a cultura propias. A imposibilidade de asociacións, entidades culturais, centros de ensino, etc., para realizar actos ad hoc, fan que a figura de Carvalho Calero quede unha vez máis esvaecida, oculta por un veo, obxectivo sen dúbida de interese para determinados sectores", subliñan na súa misiva.
"É de xustiza que as mulleres e homes que forman a institución da RAG tomen a decisión de garantir que a celebración das Letras Galegas de 2021 recaia na figura de don Ricardo Carvalho Calero para que deste xeito poida Galiza enteira facer o recoñecemento con rigor e con lealdade a quen contribuíu a fortalecer e engrandecer a cultura do país", conclúen.
"Ao tempo, a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural. Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos", conclúen.
Pola súa banda, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos quere sumarse á petición que xa outras entidades teñen realizado diante da Real Academia Galega para que a celebración das Letras Galegas arredor da figura de Carvalho Calero se prolongue ao ano 2021.
"Consideramos que tal medida, sen ocasionar prexuízos a ninguén, resultará beneficiosa para a extensión da cultura galega, o afianzamento do conxunto do seu tecido cultural e suporá un tratamento xusto para a figura de Carvalho Calero. Tan só con esta medida se pode lograr que as diferentes entidades culturais poidamos despregar as actividades programadas que non puidemos realizar; que as editoriais poidan levar ás librarías e facer difusión normal das publicacións xa realizadas ou programadas; que as compañías de teatro representen as súas obras; que os medios de comunicación lle dediquen os espazos e a atención habitual ao coñecemento e homenaxe da figura que centra esta celebración; e que as propias institucións realicen todos os actos previstos en condicións de normalidade. En definitiva, só mediante o prolongamento ao ano 2021 da celebración das Letras Galegas arredor da figura de Carvalho Calero se evitará que tal efeméride quede restrinxida a un acto puntual e meramente protocolario", din.
Estas propostas súmanse á da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que acordou trasladarlle á Real Academia Galega, que avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021.
"Sendo conscientes do esforzo que a RAG fai anualmente para a divulgación do autor ou autora elixido, e as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural", explicaron dende la AELG.