Organizada a cuarta edición de Amarte, o certame de pintura de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
28 Maio 2020

A Concellería de Cultura anuncia a celebración da cuarta edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte no mes de agosto. Os artistas interesados en participar xa poden comezar a mandar os seus bocetos. Este ano serán nove os seleccionados para pintar as súas obras no porto burelés.

O edil José Díaz explicou que “dende a Delegación de Cultura de Burela queremos anunciar que este ano, a pesares das circunstancias de todos coñecidas, imos poder facer unha nova edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, no porto”.

Díaz contou que “as datas van ser coincidentes probablemente co que sería a Feira do Bonito, que seguramente non se poderá facer como festa, non sabemos aínda como se poderá levar adiante si se pode facer algo, pero a idea sería poñer como sempre o Certame de Pintura Mural paralelo á Feira do Bonito. De non haber Feira do Bonito barallamos facelo a seguinte semana. A Feira coincidiría este ano o 1 e 2 de agosto, sábado e domingo, pero poderíamos facer Amarte o fin de semana seguinte, máis que nada para dar un pouco máis de marxe de seguridade e meternos máis de cheo no verán. Pero o que queremos dicir é que se vai facer e xa poden empezar os pintores que queiran participar a mandar os seus bocetos, como cada ano, ao noso correo para participar”.

O concelleiro de Cultura sinalou que “este ano serán nove seleccionados, o ano pasado foron dez e este ano van ser nove polo número de murais que nos quedan por pintar na zona portuaria, quedan vintesete agora mesmo e se dividimos en nove temos para tres edicións máis de Amarte. As bases van estar dispoñibles na páxina de facebook do certame, que é Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, e son moi parecidas aos anos anteriores. Os premios mantéñense igual con 1.500 euros para o primeiro clasificado. Os interesados poden consultar esa páxina que ten toda a información”.

José Díaz engadiu que “decidimos facer o certame porque se poden cumprir perfectamente as medidas de seguridade que hai agora mesmo e que probablemente vai haber dentro de dous meses aproximadamente. As distancias de seguridade entre os pintores son perfectamente válidas, a forma en que podemos estruturar todo, colocalos a eles e o material que utilicen tamén o podemos facer con seguridade. É unha das cousas que por sorte podemos facer este verán, que anime un pouco a zona portuaria nesas datas e que sigan decorando o muro como temos en mente, completar eses metros de pinturas e de arte”.

O prazo de presentación de traballos ao IV Amarte remata o 15 de xullo.

0.17421984672546