Organizan a construción dun forno para mineral no Museo do Castro de Viladonga
O Museo Castro de Viladonga acollerá durante a vindeira fin de semana unha actividade singular que combina investigación e divulgación: unha xornada experimental de construción dun forno para a redución de mineral de ferro. Este evento procura achegar luz sobre as técnicas metalúrxicas empregadas na antigüidade, que deixaron importantes vestixios no castro.
Ao longo das diversas campañas de escavación no xacemento, atopáronse restos que apuntan á práctica de actividades metalúrxicas. Estas non só inclúen o traballo do ferro para a elaboración de útiles, senón tamén indicios de siderurxia, é dicir, a extracción do ferro directamente do mineral.
A actividade estará enmarcada dentro da arqueoloxía experimental, unha disciplina que vai máis aló do estudo dos restos materiais e se centra en reproducir os procesos técnicos e actividades humanas da época. Deste xeito, os investigadores poderán comprender mellor como se producían estes procesos e identificar as evidencias que deixaron no xacemento.
As xornadas contarán tamén cun enfoque divulgativo e serán abertas ao público, permitindo aos asistentes coñecer de preto esta faceta da vida no castro. O programa dividirase en dúas xornadas. O venres 6 de decembro será a construción do forno e preparación do mineral e o sábado 7 o acendido do forno e desenvolvemento do experimento.
As actividades comezarán ambos días ás 10:00 horas.