Organizan charlas en Guitiriz e Xermade dentro do programa de compostaxe doméstica
A Casa Habanera e a Escola Campo da Feira en Parga en Guitiriz e e a Biblioteca Municipal de Xermade acollerán unha reunión informativa sobre o programa de compostaxe doméstica conxunto entre ambos concellos.
O obxectivo das charlas é o de aportar aos usuarios e usuarias desta iniciativa as chaves para facer un bo uso do programa de compostaxe. Os asistentes recibirán o seu composteiro xunto cun cubo de bioresiduos para ter na casa e un aireador. Os representantes da empresa adxudicataria ensinarán como utilizar todo o material.
A primeira das charlas será en Xermade, hoxe, ás 17.00 horas na Biblioteca Municipal. Xa o venres será a vez de Guitiriz. O encontro na Casa Habanera será ás 17 horas e na Escola Campo da Feira en Parga será ás 18:30 horas.
Proximamente farase outra charla para explicar o uso dos composteiros comunitarios que se inclúen neste proxecto conxunto e que están dirixidos á poboación do núcleo urbano.