Organizan cursos de baile galego na parroquia vilalbesa de Nete
A asociación de veciños de San Cosme de Nete retoma a súa actividade de cara ao curso 2021-2022 cun curso de baile tradicional galego.
Segundo indican “sempre que no lo permitan as normas sanitarias, iremos informando das actividades que organiza a Asociación a medida de q se aproxime a data de comezo das mesmas”.
Así, o primeiro curso que comezará en setembro vai ser o de baile tradicional galego, que estará a cargo de Xabier Iglesias, profesional de longa e recoñecida traxectoria na recuperación e mantemento da cultura.
A inscrición está aberta para todos aqueles que o desexen maiores de 3 anos. A intención é formar grupos dependendo do nivel e da idade.
As clases impartiranse os sábados pola mañá (3 sábados ao mes e cunha duración dunha hora e media cada clase).
Os interesados poden apuntarse ata o 1 de setembro como data límite.