Organizan en Abadín un curso sobre atención a persoas dependentes

O Concello de Abadín pon en marcha un curso de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha acción formativa orientada a mellorar a cualificación profesional no ámbito sociosanitario. A iniciativa permitirá ás persoas participantes obter un certificado de profesionalidade, reforzando así as súas competencias nun sector con alta demanda laboral.
O curso está dirixido a traballadores e traballadoras ocupadas e impartirase na modalidade de teleformación, o que facilita a conciliación coa actividade laboral e persoal. Ademais, trátase dunha formación totalmente gratuíta, co obxectivo de favorecer o acceso á aprendizaxe continua e á mellora das oportunidades profesionais.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ou solicitar máis información a través dos Servizos Sociais do Concello de Abadín ou chamando ao teléfono 982 50 80 21. Desde o Concello destacan que esta formación supón unha excelente oportunidade para ampliar coñecementos e avanzar na carreira profesional dentro do eido da atención a persoas dependentes en institucións sociais.