Organizan en Friol unha xornada sobre a pegada do carbono nas gandarías ecolóxicas

TerraChaXa
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza para os días 9 e 10 de setembro unha xornada sobre a pegada de carbono en gandarías de produción ecolóxica.
3 sep 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza para os días 9 e 10 de setembro unha xornada sobre a pegada de carbono en gandarías de produción ecolóxica. Esta xornada, na que colabora o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), terá lugar no centro sociocultural do municipio lugués de Friol en horario de mañá.

Esta acción formativa, dirixida principalmente a gandeiros, está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020 e contará cunha duración total de 10 horas, das cales 7 serán teóricas e 3 prácticas. Nela trataranse temáticas como o funcionamento das gandarías en ecolóxico, a pegada de carbono e o futuro de ambas certificacións e posibilidade no mercado.

Así mesmo, tamén se estudará a nova normativa europea de produción ecolóxica e se ensinará aos asistentes a como calcular a pegada de carbono da súa explotación, co fin de que poidan reducila a través de boas prácticas ambientais.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

0.15786004066467