Organizan en Muras un curso de prefeccionamento da apicultura
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no municipio lugués de Muras unha acción formativa de perfeccionamento da apicultura. O curso terá lugar os días 5, 6, 7 e 19 de agosto na Casa do Concello e no apiario didáctico desta localidade, en horario de mañá, das 9:00 horas ás 14:00 horas.
O programa contén catro bloques de contido: unhas probas de selección, que abordarán diferentes destrezas como poden ser a limpeza e a produtividade no traballo apícola, e tres bloques formativos. Estes consisten en formación acerca da sanidade apícola, así coma nocións en cría de abellas raíña.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso formar e adaptar aos novos manexos aos apicultores para obter un maior rendemento das explotacións apícolas. Ademais, tamén se pretende espertar a curiosidade na xente nova no relativo a este eido, para posibilitar así un relevo xeracional nesta profesión.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 82 89 54, ou enviarse un correo a maria.carmen.rego.martinez@xunta.es