Organizan en Vilalba a sexta edición da andaina solidaria de Cruz Vermella
Un ano máis, Vilalba acollerá a Andaina Solidaria de Cruz Vermella, que ten como obxectivo recaudar fondos para a compra de xoguetes novos para aqueles nenos de familias sen recursos e con risco de exclusión social.
A Andaina Solidaria terá lugar o 3 de decembro, domingo, a partir das 12.00 horas e a inscrición para a mesma xa está aberta e pode realizarse nas oficinas de Cruz Vermella, situadas no polígono industrial de Sete Pontes e nos teléfonos 620 218 127 ou 982 511 303 de luns a venres entre as 10.00 e as 20.00 horas.
Como o ano pasado, os participantes poderán aportar o que consideren como cuota de inscrición e recollerán o seu dorsal a partir das 11.30 horas. O percorrido, todo urbán, constará de 3,5 quilómetros sen dificultade ningunha para que podan participar persoas de todas as idades con saída e chegada á praza de Santa María.
O prazo de inscrición remata o 1 de decembro. Tamén poderán participar os pequenos da casa coas súas bicicletas, patíns ou patinetes.