Organizan en Vilalba unha mesa redonda sobre xornalismo e desinformación

A Alcaldía de Vilalba organiza o vindeiro xoves 28 de agosto ás 20:30 horas na Casa da Cultura unha mesa aberta titulada O xornalismo no século XXI: a era da desinformación, que reunirá a catro recoñecidos profesionais da comunicación, todos eles naturais de Vilalba.
O encontro contará con Daniel Basteiro, corresponsal político de Bloomberg en España. Foi director de InfoLibre e traballou como corresponsal en Bruxelas, ademais de ser cofundador de medios como El Español ou El Huffington Post. Tamén estará Marta Gesto, directora xeral de InfoLibre, con 20 anos de traxectoria en medios como Europa Press, Atlas, AOL, Qué!, laSexta ou Vocento; Carmen Hermida, xornalista e locutora en COPE Lugo, e Moncho Paz, xornalista e consultor de comunicación, colaborador de MUNDIARIO e autor de varias obras, con experiencia en medios como El Progreso, Código Cero e diferentes publicacións especializadas.
O evento será a primeira xornada dun novo ciclo de mesas redondas e conferencias que traerán a Vilalba a expertos de diferentes ámbitos para reflexionar e debater sobre cuestións de actualidade.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, subliñou que esta iniciativa “nace coa vontade de achegar a Vilalba persoas referentes en diferentes ámbitos, que nos permitan reflexionar en común sobre os desafíos do presente”.
“Aproveitamos que durante as festas patronais estes catro xornalistas vilalbeses, coñecidos e recoñecidos, están na vila para organizar a primeira dunha serie de mesas redondas que queremos impulsar sobre temas de actualidade e interese social”, concluíu a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.
A asistencia será de balde e con entrada libre ata completar aforo.