Organizan en Xermade unha excursión a Coruña con temática feminista

O Concello de Xermade organiza unha excursión á Coruña o vindeiro domingo 15 de xuño de 2025 baixo o lema Coruña en igualdade, unha actividade que busca promover a reflexión e o coñecemento sobre o papel das mulleres na historia e na sociedade.
A saída está prevista para as 9:00 horas desde a Praza do Concello de Xermade. A primeira parada será ás 10:30 cun roteiro titulado Mulleres en Santo Amaro. Percorrido feminino polo cemiterio municipal, onde se porá en valor a memoria de figuras femininas destacadas. Ás 12:30 terá lugar unha visita ao Monte de San Pedro, un dos miradoiros máis emblemáticos da cidade herculina.
Ás 14:00 está programado o xantar no Restaurante Fonteboa, cun custo de 18 euros a cargo de cada participante. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, realizarase unha visita guiada pola cidade vella centrada na figura das Mulleres da Coruña, que permitirá afondar na historia das mulleres coruñesas e o seu legado.
O regreso a Xermade está previsto para as 19:30 horas. As inscricións están abertas ata o 12 de xuño, e poden facerse a través do teléfono 678 744 178, en contacto coa educadora familiar. As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas empadroadas no concello.
A iniciativa está financiada co apoio do Ministerio de Igualdade, dentro do marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.