Organizan este mes en Vilalba un curso de análise sensorial dos queixos galegos

TerraChaXa
Agacal ten previsto celebrar en Vilalba un curso de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida.
queixos DOP galicia
12 Out 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar en Vilalba un curso de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP). A acción lalinense está programada na sede do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa  o 25 e o 27 de outubro.

O obxectivo principal é formar na análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida. Está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Así, ao longo das 10 horas de formación, a acción combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica presentaranse os queixos das catro DOP galegas (Tetilla, San Simón da Costa, Arzúa-Ulloa e Cebreiro) e, na parte práctica, ensinaráselles aos alumnos a recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881997279.

0.1189820766449