Organizan na Casa das Insuas unha actividade de voluntariado sobre deseño agroecolóxico

A Casa das Insuas organiza durante todo o mes de decembro unha actividade de voluntariado centrada no deseño agroecolóxico no Prado da Ponte, un espazo situado xusto ao carón das instalacións. As sesións desenvolveranse todos os martes —os días 2, 9, 16 e 23— en horario de 16:00 a 18:30 horas, e contan co apoio da Deputación de Lugo.
As persoas participantes colaborarán na implementación dun proxecto agroecolóxico que busca poñer en valor este prado, situado nun contorno natural destacado e integrado na Reserva da Biosfera Terras do Miño. A iniciativa está promovida pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, que anima a veciñanza e a todas as persoas interesadas en aprender ou achegar o seu tempo a sumarse ás tarefas programadas.
Para participar é necesario confirmar asistencia a través do correo electrónico casadasinsuas@gmail.com.