Organizan na Pastoriza un curso de Seguridade no Fogar

Este mércores, 2 de abril, celebrarase na Casa da Música da Pastoriza unha xornada formativa sobre seguridade no fogar, organizada pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns en colaboración co Servizo Galego de Saúde e o Concello da Pastoriza. O evento desenvolverase en horario de 16:30 a 20:30 horas e busca ofrecer pautas para previr accidentes domésticos e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
O programa inclúe contidos relacionados coa seguridade na realización das axudas da vida diaria, recomendacións para minimizar riscos en diferentes espazos do fogar como a cociña, o baño, o dormitorio e o salón, así como a prevención de caídas dentro e fóra do fogar. Ademais, abordaranse cuestións como as barreiras arquitectónicas, o uso de accesorios de axuda –camas articuladas, cadeiras de rodas e andadores– e os principais riscos no fogar, como alfombras ou mobles inestables. Tamén se tratará o papel das novas tecnoloxías como ferramentas para reforzar a seguridade no día a día.