Organizan nas Pontes un taller de iniciación ao crochet este domingo

As Pontes acollerá este domingo, 8 de marzo, un taller de iniciación ao crochet dirixido a persoas que desexen aprender desde cero esta técnica artesanal. A actividade desenvolverase en horario de 11.00 a 13.00 horas e permitirá ás persoas participantes dar os seus primeiros pasos no mundo do gancho.
Durante a sesión, organizada polo colectivo Puntadas con Agarimo, ensinaranse nocións básicas como a cadea, o punto baixo ou o punto medio, entre outros fundamentos do crochet. Ademais, ao finalizar o taller realizarase un pequeno proxecto práctico co obxectivo de aplicar os coñecementos adquiridos ao longo da actividade.
O prezo da inscrición será de 15 euros e inclúe todo o material necesario para participar no taller, mentres que para as persoas socias a participación será gratuíta.
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a inscrición contactando no teléfono 658 96 15 05 ou achegándose ao local situado na rúa Narón número 13, baixo. Tamén é posible seguir as novidades a través da conta de Instagram @puntadasconagarimo.