Organizan un curso de desfibriladores en, Vilalba, Palas de Rei e Ribeira de Piquín
A Xunta de Galicia convoca na provincia de Lugo tres accións formativas para voluntarios e voluntarias de Protección Civil sobre o manexo dos desfibriladores externos, dispositivos que se utilizan en primeiros auxilios en casos de parada cardiorrespiratoria.
O primeiro curso desenvolverase en Vilalba o 9 de novembro; a continuación terán lugar en Palas de Rei, o día 16, e Ribeira de Piquín, o 23 do mesmo mes. Están organizados pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que oferta 24 prazas en cada un deles, e prevén unha hora de formación teórica e catro de práctica.
Estas actividades súmanse ao plan de formación continua da Agasp deste ano, que inclúe 41 cursos cun milleiro de prazas en distintos concellos galegos, con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario dos profesionais e voluntarios do eido das emerxencias.