Organizan un curso na Casa do Mel das Pontes sobre alimentación apícola
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar o día 3 de setembro un curso sobre o coidado da nutrición e da alimentación das abellas. O obradoiro impartirase na Casa do Mel do concello coruñés das Pontes, cun horario desde as 16:00 ata as 22:00 horas.
O programa deste curso aborda unha serie de nocións teóricas e prácticas sobre a eficiencia dos recursos da alimentación e nutrición apícolas. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso formar aos apicultores no coñecemento das necesidades da alimentación das abellas, na identificación dos mellores alimentos e na elaboración dos mesmos. Así mesmo, os asistentes aprenderán a xestionar as materias primas dispoñibles co fin de mellorar os resultados económicos do sector.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 370, ou enviarse un correo a mercedes.fra.perez@xunta.gal.