Organizan un obradoiro de musicoterapia en Abadín
O colexio de Moncelos, en Abadín, acolle un obradoiro de Musicoterapia dirixido á poboación en xeral para fomentar os hábitos de vida saudable entre a poboación. A sesión terá lugar o 21 de marzo entre as 16.00 e as 20.00 horas.
O obxectivo xeral do mesmo é previr e axudar a incrementar ou restablecer a saúde física e mental a través da música; ademais de promover o mantemento cognitivo, social, motriz e emocional. Tentarase conseguir benestar, tranquilidade e sentimentos positivos de autorrealización e así mesmo beneficiarse a nivel cognitivo e motor.
O programa contará con definir/reflexionar sobre o son, o ruído, o silencio e a música; identificar estilos de música adecuados o grupo; dar a coñecer tipos de música que promoven diferentes estados de ánimo; traballar co corpo e a voz percibindo sensacións musicais; cantar cancións que traballen os recordos, especialmente folclore galego; tocar instrumentos musicais fomentando a creatividade, imaxinación e realización persoal, e o baile, que facilite momentos lúdicos e de distensión con sinxelos movementos corporais.
A formación estará a cargo de Damián Cairo Touriño, profesor de Música no conservatorio profesional da Coruña.